A Asociación Veciñal de Lavadores da un novo pulo á súa actividade a prol dunha maior e mellor
oferta de servizos e actividades culturais e do saneamento financeiro da organización.
Vigo, 1 de outubro de 2024.

No mes de maio pasado tiña lugar a Asemblea ordinaria da Asociación Veciñal, Cultural,
Deportiva e de Consumidores e Usuarios de Lavadores. Neste acto producíase a remuda da
directiva comprometéndose o novo equipo a manter e, no posible, reforzar o inxente traballo da
directiva anterior por sacar adiante a actividade desta organización, senlleira no movemento
veciñal de Vigo. A nova directiva conta tanto con persoas xa veteranas na asociación como con
membros de incorporación máis recente.

Logo de anos nos que se convertera nun referente no movemento asociativo veciñal chegando a
ter máis de mil socios e socias de número (que no seu día afrontaron proxectos tan ambiciosos
como foi a adquisición do edificio e os terreos nos que mantén a súa sede), é ben coñecido que
tamén ten pasado por momentos moi difíciles en tempos máis recentes. Unha serie de decisións
moi desacertadas e desafortunadas dunha das directivas antecedentes puxeron en risco a
viabilidade da entidade asumindo para esta un volume de débeda que aínda hoxe lastra a súa
capacidade de mellora.

Foi grazas ao esforzo colectivo das persoas que colaboran na asociación, aos veciños e veciñas
que mantiveron o seu respaldo, aos apoios das administracións públicas e institucións (Concello
de Vigo, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia, FAVEC), e ao traballo arreo do equipo
directivo anterior (dos anos 2021 a 2024) que conseguiu manter a actividade, recuperar parte da
participación veciñal que se perdera e mellorar a situación financeira. Actualmente, os desafíos
de mellora e saneamento financeiro continúan a estar presentes e a nova directiva quere facer
un chamamento á veciñanza para que se acheguen a coñecer, acompañar e colaborar neste
esforzo polo ben común dos barrios de Lavadores.

A nova directiva quere apostar por concentrar o groso das súas actividades no recinto da
asociación, asumindo a responsabilidade e para poder para dar respaldo directo ao que alí
aconteza, trasladando a quen queira achegarse que a sede da asociación é un espazo para
desfrute e beneficio colectivo da veciñanza.

Na actualidade xa están programadas máis de 20 actividades para o novo curso 24-25, está en
marcha a ludoteca grazas ao convenio asinado co Concello de Vigo, temos un horario estable de
servizo de cafetería e un mercado de produtos artesáns e ecolóxicos que se celebra o segundo e
cuarto sábado de cada mes. Estase a promover a organización dun equipo de petanca, temos
múltiples actividades culturais, moitas delas arredor da conservación da música e danzas
tradicionais, unha coral, unha comparsa, un grupo de teatro, festexos varios… Como por
exemplo a festa do xurelo en escabeche prevista para o vindeiro sábado 5 de outubro, e un
longo etcétera.

Coa vocación de mellorar a difusión dos servizos e actividades ofrecidas e de intentar facer a
oferta atractiva para o maior número posible de veciños e veciñas, toda a información do que
facemos vámola publicando no taboleiro de anuncios da asociación, na páxina web
(www.avlavadores.org) e nas redes sociais.

A A.V.C.D de Lavadores botou a andar hai xa case 50 anos, no ano 1975, ten a súa sede, dende
o 1985, no singular edificio de estilo indiano “Villa Galicia” sito no número 302 da Avda. Ramón
Nieto.