Benquerida veciñanza de Lavadores,
Como posiblemente saberedes este ano fanse 50 anos do establecemento desta Asociación Veciñal. Co gallo de tan relevante aniversario, dende a directiva propuxémonos desenvolver algunhas actividades e iniciativas especiais. Son exemplos desta intención o cambio do anagrama da asociación para que nel figure a efeméride e, tamén por exemplo, o ciclo de Cinema+Memoria polo que o terceiro xoves de cada mes proxectamos unha metraxe arredor desta temática.
Nesta ocasión queremos anunciarvos e solicitar a vosa colaboración para facer un número especial da que foi Revista da AVCD Lavadores e que, por falta de recursos, non podemos editar con regularidade.
Neste especial, gustaríamos recoller testemuñas da veciñanza arredor de aspectos singulares de Lavadores, dende a súa etapa como Concello independente até a actualidade. Queremos convidarvos a que vos animedes a poñervos en cotacto con nós se tendes ou podedes elaborar calquera tipo de material que consideredes que poida ter cabida neste número especial. A modo de exemplo, interésannos achegas como:
- Fotografías antiguas do barrio onde se poidan identificar rúas, edificacións sobranceiras, persoeiros nacidos ou que viviron en Lavadores, empresas que destacaron desenvolvendo a súa actividade no barrio…
- Escritos ou recortes de prensa antiguos sobre calquera acontecemento que poida ser ubicado na zona: festexos, competicións deportivas…
- Testemuñas sobre a vida no barrio, familias, alcumes, lugares, paisaxes, negocios de barrio…
- Información histórica ou crónicas sobre etapas como o agrarismo, o movemento obreiro, o golpe militar franquista, a guerra e a represión posterior
- Aspectos sobre a toponomia e espazos naruráis, edificacións singulares…
- Biografías de persoeiros do barrio, alcumes e o seu significado ou orixe, e historias familiares de xentes de Lavadores…
- O propio desenvolvemento da AVCD Lavadores e de outras asociciacións veciñas…
En definitiva, calquera achega pode ter moito valor para isto que pretendemos. Por favor, se consideras que podes preparar algún material para enviarnos, ponte antes de facelo en contacto con nós por teléfono (681968725), correo electrónico (asociacionlavadores@gmail.com) ou mesmo, se o prefires, a través das contas das redes sociais da asociación (en Facebook ou Instagram). Faino antes do día 31 do mes de marzo.
Cóntanos brevemente o que nos quererías enviar para publicar, dinos qué extensión pensas que poderías necesitar, o tempo que che pode levar a preparación e os teus datos de contacto.
Nós faremos o traballo de revisar os textos (que serán todos publicados en galego con independencia da língua na que os recibamos), de maquetalos e de realizar o traballo de edición.
Faremos ademáis un importante esforzó para recoller apoios económicos para intentar elaborar unha pequena tirada en papel.
Agardamos o teu contacto!! Anímate a participar!!
Un saúdo moi cordial,
A directiva da AVCD Lavadores


Deixa unha resposta