Historia
Lavadores, outrora concello propio, ten a súa sede, dende o ano 1.985, en “Vila Galicia”, unha casa con soleira que foi, no seu momento, hospital, escola, farmacia e construída polo pai do alcalde vigués J. Portanet.
Lugar de reunión das nosas xentes, traballamos para mellorar a vida das nosas veciñas e veciños.
Atendendo á historia da parroquia, temos que remontarnos ao ano 1.837 cando por Real Orden do 8 de febreiro, procédese á reordenación dos concellos da provincia de Pontevedra. Segundo o proxecto remitido a Madrid pola Deputación Provincial, desaparecería o Concello de Fragoso, incorporándose as súas parroquias aos de Bouzas, Vigo e ao recén creado Concello de Lavadores. A primeria reclamación en favor dun concello independente formuláronna en abril de 1.836 os veciños de Santa Cristina de Lavadores.
O noso concello agrupaba as parroquias de San Cristóbal de Candeán, Santa Mariña de Cabral, San Esteban de Beade, San Andrés de Valadares e San Mamede de Zamáns. A capital do termo municipal quedaría na freguesía de Santa Cristina que contaba coa poboación máis numerosa.
No seu nacemento, o municipio ten claro carácter rural. Coa anexión de Teis en 1.846 quedaría definitivamente estructurado o Concello de Lavadores ata a súa desaparición en 1.941.
Tendo en conta que o concello adicábase preferentemente á agricultura e á gandería, ata a chegada da industria na posguerra, naceu un movemento que é o AGRARISMO cunha importancia decisiva na concienciación política e participativa do campesiñado. A loita contra o caciquismo e a fiscalización das funcións municipais irán confirmando a posterior traxectoria das sociedades agrarias.
A anexión do Concello de Lavadores ao de Vigo deféndese como a única alternativa aos graves problemas de servizos que Lavadores ten prantexados, sen ofrecer outra vía que evitase ter chegado a esa situación. O 21 de decembro de 1.940 o alcalde de Lavadores convoca unha reunión extraordinaria a fin de resolver a proposta de lectura da anexión ao Concello de Vigo.
A actual AVCD de Lavadores continúa ese labor de reclamación de servizos e benestar para a súa veciñanza, cunha labor totalmente altruísta por parte do corpo directivo e atendendo ás demandas e suxerencias que poidamos facer chegar ás institucións competentes.