Convocatoria de Asemblea Extraordinaria

Benqueridos veciños e veciñas, socios e socias da Asociación Veciñal, Cultural, Deportiva e de Consumidores e Usuarios de Lavadores,

Tal e como informamos na Asemblea Xeral Ordinaria da Asociación celebrada o pasado día 19 de xuño, congratulámonos confirmar ter conseguido o financiamento necesario para a realización das obras de consolidación de cuberta e mantemento dos edificios da cafetería e principal da Asociación. A Xunta de Galicia, o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra, tiveron a ben aprobar os proxectos que para esta finalidade presentamos nas súas respectivas convocatorias competitivas de financiamento.

Se ben isto é así, a acometida das obras dentro dos prazos que legalmente establecen estas axudas require que a asociación anticipe parcialmente os fondos e non dispón da liquidez necesaria para asumir esta carga, tal e como tamén informamos que prevíamos na Asemblea Xeral Ordinaria de xuño.

Nesta situación, vémonos na necesidade de solicitar esa liquidez a unha entidade bancaria, a través dun mecanismo de pignoración dos dereitos de cobro da cantidade que solicitemos. Se ben este mecanismo de obtención de liquidez xa fora utilizado noutras ocasións pola Asociación, nesta ocasión a entidade financeira exíxenos a convocatoria dunha Asemblea Xeral Extraordinaria para que o trámite conte coa aprobación dos asociados. A convocatoria faise con máxima urxencia coa fin de chegar a dispoñer dos fondos para realizar o pagamento efectivo das facturas e xustificar a axuda concedida, neste caso polo Concello de Vigo, que ten de prazo límite o 14 de novembro.

Por este motivo, a Directiva ten a ben comunicarlles a convocatoria de ASEMBLEA XERAL EXTRAORDINARIA o mércores día 4 de novembro ás 19:30 horas en primeira convocatoria e 20:00 en segunda convocatoria, no Salón Azul, no baixo da sede de Avda. Ramón Nieto, 302.

O único punto da orde do día é o seguinte:
1.- Someter a aprobación da Asemblea Xeral a autorización á Xunta Directiva para acudir ao financiamento bancario para dispoñer da liquidez necesaria para poder realizar as obras aprobadas co financiamento público que lle ten sido concedido a esta Asociación.

Por favor lembren que para exercer o dereito ao voto faise imprescindible:
1.- Presentar o DNI no acceso a Asemblea.
2.- Ter o pago das cotas de asociado/a ao corrente.

Atentamente,
A directiva da asociación e no seu nome, o seu presidente, Manuel Costas Rodríguez

Categories:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *