Estimada veciñanza de Lavadores,
Dirixímonos nesta ocasión a todas aquelas persoas que tendes no barrio o voso pequeno negocio, a quen apostades cada día por que esta zona de Vigo sexa tamén un lugar para traballar e xerar oportunidades económicas e profesionais.
O motivo polo que nos diriximos a vós é o de transmitirvos a intención da directiva actual desta Asociación Veciñal, dende a que vos escribimos, de atopar maneiras de incorporarvos na axenda da Asociación e facer que as actividades que promovemos para desfrute da veciñanza sexan un escaparate para as vosas empresas.
Na actualidade a Asociación está a desenvolver numerosas actividades, cursos, obradoiros, actuacións, proxeccións de cinema, presentación de libros, debates, mercadiños artesáns, festas populares, teatro, unha comparsa… Ademais, como xa se viña facendo, segue a ser un espazo favorecedor da conciliación das familias, ofrecendo o servizo de ludoteca, que a propia asociación e o Concello financian, e o servizo de cafetería na pequena cantina.
Este ano a Asociación celebra o 50 aniversario da súa constitución polo que queremos facer un esforzo, se cabe, especial de dinamización da actividade, de participación de toda a veciñanza e para facelo gostariamos moito de contar con vós.
Queremos poñer o noso pequeno grao de área para que as persoas do barrio realicen as súas compras no barrio, desfruten do seu lecer no barrio e coñezan o que se ofrece no barrio. O que propoñemos para isto é solicitar a vosa colaboración ben sexa como anunciantes nas actividades que desenvolvemos, sexa nos sorteos, que moitas veces realizamos. Estamos abertos a explorar con vós outras posibilidades.
Se pensades que esta é unha boa iniciativa e vos interesa que falemos para poder acordar os termos nos que podemos establecer estas colaboración, por favor escribídenos un correo electrónico, ou ben enviádenos un whatsapp ou chamádenos deixando recado de que tendes interese en explorar este ofrecemento que vos facemos. Contactade atendendo aos seguintes datos:
Correo electrónico: asociacionlavadores@gmail.com
Teléfono: 681968725
Moi agradecidos da vosa atención, confiando en poder chegar a acordos de moito interese para todos, saúdavos atentamente,
A directiva da Asociación Veciñal, Cultural, Deportiva e de Consumidores e Usuarios de Lavadores.


Deixa unha resposta